AFUMPO concorrerá ás próximas eleccións á xunta de persoal do Concello de Pontevedra para loitar por unha política de persoal dinámica e transparente, deseñada por e para os funcionarios deste Concello.

Se ben as propostas concretas non serán reveladas ata o próximo 29 de maio, data na que comezará o período de campaña, podemos adiantar que serán un reflexo dos compromisos polos que acordamos agruparnos:

Compromiso coa promoción e desenvolvemento profesional.

Cremos que facer que o noso traballo resulte interesante e motivador non só é posible, senón tamén necesario, e para conseguilo compre fomentar a promoción interna e unha oferta de formación de calidade e útil.

Compromiso coa conciliación familiar e laboral.

O marco normativo actual e a implantación das novas tecnoloxías na administración ofrecen novas posibilidades de flexibilidade horaria e permisos que queremos implantar, para o cal impulsaremos a redacción da regulación e a adquisición dos medios materiais para que isto sexa unha realidade canto antes.

Compromiso coa mellora e recoñecemento das condicións de traballo.

Desenvolveremos as posibilidades que o actual marco legal e orzamentario permite para mellorar as retribucións, xornada laboral e prestacións sociais dos funcionarios municipais, pero tamén traballaremos para desenvolver as normas que regulen outros aspectos, como as quendas ou o recoñecemento das peculiaridades de certos postos de traballo, para evitar desigualdades e garantir a seguridade xurídica no exercicio das nosas funcións.

Compromiso coa transparencia e a participación.

Queremos ser unha plataforma aberta que serva a todo o funcionariado deste Concello, non só para coñecer os asuntos e a evolución da política de persoal, senón tamén para canalizar as propostas que desexen formular e transmitilas á xunta.